CRTVG

Buscar

Maxia e ilusión nas cabalgatas dos Reis Magos galegas

Publicado o 05/01/2019 19:14

Mentres os Reis Magos cumpren cunha axenda apertada de visitas e saúdos, que vai desde os hospitais ata os concellos, as vilas e cidades teñen todo preparado para as cabalgatas desta tarde.

Seguir o cronograma dos Reis Magos é ben complicado: a Bueu chegaron en barco pola mañá, a Valença do Minho chegarán en tren pola tarde e despois cruzarán a ponte internacional para seguir saudando nenas e nenos no que resta de xornada nas moitas cabalgatas que se celebran esta tarde en toda a provincia. O desfile de carrozas aquí en Vigo partirá do nó de Isaac Peral ás seis da tarde e finalizará na Porta do Sol.

No traxecto, personaxes como Mary Poppins e Peter Pan axudarán a Melchor, Gaspar e Baltasar a repartir 4.500 quilos de caramelos sen azucre e sen glute en medio dun dispositivo de seguridade en que participarán 90 axentes da Policía Local e 300 voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella. En Pontevedra, tamén a media tarde comenzará o paseo dos Reis desde a rúa Xosé Malvar ata Alameda na compaña de charangas tradicionais, cabalos, malabaristas e bailaríns.

Pode haber ocasión máis excepcional que falar cos mesmísimos Reis Magos? Compre, logo, facer preguntas importantes.

Hai quen acode a entregar a carta en man. Os servizos de correos andan atafegados estes días e, por se acaso, algún prefire asegurarse con todas as garantías de que as peticións chegan onde deben. A cambio, os Reis atoparán algo nos fogares vigueses para repoñeren forzas.

E despois da audiencia real, chocolate con rosca para temperar a friaxe.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/01/2019