CRTVG

Buscar

O brote da Mariña obriga a axustar o número de alumnos por aula e reforzar o persoal para a ABAU

Publicado o 06/07/2020 21:42

O brote rexistrado na comarca da Mariña obrigou á organización da selectividade a reforzar o dispositivo de seguridade para o IES Vilar Ponte. Este instituto de Viveiro (Lugo) acollerá as probas para preto de 300 mozos e as medidas decretadas para a zona levaron a axustar o número de alumnos por aula, para acomodarse á nova distancia interpersoal, e a incrementar o persoal desprazado para vixiar os exames e o cumprimento dos criterios de seguridade.

O documento impulsado pola Consellería de Sanidade, que inclúe as medidas relativas ao illamento pola COVID-19, entrou en vigor esta noite e a Comisión Interuniversitaria de Galicia realizou algún axuste na organización das probas e mesmo no protocolo ante a COVID-19 que serviu de base para todas as comisións delegadas.

Un destas modificacións afecta, segundo informan fontes deste organismo, aos centros que acudirán á localidade a facer a ABAU. Tradicionalmente, o IES Vilar Ponte é a comisión delegada en selectividade tanto para os mozos deste municipio como doutros puntos da comarca e doutras provincias, como Ortigueira.

Ante o rebrote e o peche da Mariña, a CIUG decidiu cambiar a comisión delegada á que terá que presentarse o alumnado deste municipio coruñés, que pasará a facer a ABAU na facultade de Humanidades do Campus de Esteiro, en Ferrol. Doutra banda, os mozos do IES San Rosendo de Mondoñedo, que ían desprazarse a Lugo, realizarán as probas en Viveiro, onde tamén se presentarán os alumnos con necesidades educativas especiais.

O total de alumnos quedaría aínda así nunha proporción similar á prevista, pero reforzarase a comisión con vogais e "máis vixiantes" co fin de contar con máis profesorado que permita atender aos estudantes, sobre todo a aqueles con necesidades específicas de apoio.

Segundo explicou a vicedirectora do IES Vilar Ponte, Paula Sentandreu, están a acomodarse as instalacións do centro e recolocando os postos para adaptarse á distancia interpersoal de dous metros, posto que a disposición de pupitres estaba inicialmente exposta para o metro e medio e a 'nova normalidade'.

Esta circunstancia obrigou a "espaciar máis" cada clase, e calculou que se situarían a uns 14 alumnos en cada unha, tendo en conta esta distancia. Así mesmo, as instalacións do centro contan cun pavillón preparado para a realización das probas e aproveitaranse todas as aulas posibles para acoller os exames en condicións de seguridade.

Noticias web

06/07/2020