CRTVG

Buscar

Todo ocupado na Ribeira Sacra para esta Semana Santa

Publicado o 17/04/2019 20:42

O mal tempo non vai ser un problema na Ribeira Sacra. Os establecementos de hostalería desa zona teñen xa confirmado o 100% de ocupación en todas as datas da Semana Santa. Ademais de ser un dos chamados destinos de moda, o sector turístico sinala que a ampla oferta de actividades nos concellos que a conforman garanten o fluxo de turistas. De feito, algúns establecementos mesmo tiveron problemas para encontrar persoal para traballar nestas datas.

Hoteis, hostais, casas de turismo rural ou pensións. Todos os establecementos de hostalería da Ribeira Sacra van ter unha ocupación do 100% nas noites da Semana Santa. E é que a oferta para os turistas nestas datas é do máis variado. Dende o tradicional Viñobús que leva a visitar as adegas ata a feira medieval de Monforte, os paseos en catamarán polo Sil e o Miño ou as rutas polas igrexas románicas. Dende o sector cren que se trata dun destino xa consolidado, máis aló de que se puxera de moda nos últimos anos.

"Estamos traballando moi ben porque temos unha boa oferta e xa consolidada. A proba é o alto nivel de ocupación hostaleira".

Entre as motivacións para visitar a Ribeira Sacra, a paisaxe dos canóns dos ríos, o patrimonio histórico, a gastronomía, os deportes de natureza e, por suposto, a viticultura.

"Viñemos porque é unha zona que sempre nos atraeu moito".

"Levamos coñecido outras partes de Galicia pero nunca estiveramos aquí".

O despegue do turismo na Ribeira Sacra tamén ten a súa parte negativa e é que algúns establecementos hostaleiros están a ter dificultades en atopar persoal cualificado para as datas de máis traballo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/04/2019