CRTVG

Buscar

Todo o Congreso, salvo Vox coa súa abstención, dá o si ao ingreso mínimo vital

Publicado o 10/06/2020 18:45

Todos os partidos políticos, agás Vox, que se abstivo, deron o si ao novo ingreso mínimo vital (IMV) que persegue frear a pobreza nas familias e impulsar a inclusión laboral destes colectivos e que irá desde unha renda mínima de 461 euros ata os 1.015 euros mensuais.

O Pleno do Congreso apoiou con 297 votos a favor, 52 abstencións e ningún voto en contra a convalidación da Real Decreto-Lei que regula esta renda mínima e á que finalmente o PP sumou os seus votos positivos e Vox as súas abstencións. Acordouse case por unanimidade a súa tramitación como proxecto de Lei polo procedemento de urxencia.

O vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, e o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, coincidiron en que se trata dunha das medidas con maior capacidade de redistribución de rendas e que "dignifica o país".

Escrivá explicou que o ingreso mínimo foi calculado con precisión xa que se adaptará ás necesidades de cada solicitante, tendo en conta a modalidade de familia, os seus ingresos e o seu patrimonio.

"As políticas públicas non poden vivir de costas á sociedade" dixo Escrivá tras puntualizar que o IMV non só loitará contra a pobreza senón que servirá de panca para a inclusión social e laboral.

"É un seguro colectivo que rescatará as persoas en cada momento que sufran carencias", sinalou tras engadir que o seu custo duns 3.000 millóns de euros é "perfectamente asumible".

Pola súa banda, Iglesias defendeu que é o momento de facer políticas expansivas para afrontar a actual crise xerada pola pandemia e dixo que tamén axudará á recuperación económica, xa que a renda irá "directamente ao consumo e axudará a autónomos e empresas a seguir facturando".

A renda mínima recibiu o apoio de todos os partidos políticos, mesmo de Vox que non votará en contra, aínda que criticou que a medida non sexa temporal e non estea condicionada á procura de emprego. Considerou que é o "prezo do pacto co diaño asinado por Sánchez" para ser investido e reiterou que o IMV supón un efecto chamada aos inmigrantes e pon en risco o sistema de protección da Seguridade Social.

A maioría dos partidos felicitaron unha aprobación que era urxente, aínda que algunhas formacións, como PP, Ciudadanos, ERC ou JxCAT, solicitaron que se tramite como proxecto de lei para recibir cambios.

O PP lembrou que foi o presidente Mariano Rajoy o que impulsou a tarxeta social e criticou que o Goberno se "apropie" das competencias autonómicas e exceptúe o País Vasco e Navarra.

O PP considerou que o razoable sería presentar un proxecto de lei pactado con comunidades autónomas, concellos, terceiro sector e coa oposición e que tivese unha memoria económica e un informe do Consello de Estado e do Consello Económico e Social.

Ciudadanos avogou porque a prestación vaia ligada a un itinerario de inserción laboral desde a lei para non esperar ao seu desenvolvemento regulamentario mentres que JxCAT apostou por analizar a compatibilidade da renda coa prestación por fillo a cargo.

ERC considerou que a medida non debe ser reversible e incidiu en que se debería modificar a condición de ter que acreditar un ano enteiro de baixos ingresos e urxiu estendela ás persoas en situación irregular.

Formacións como o BNG ou Más País consideraron que é insuficiente en canto a beneficiarios e contías mentres que outros partidos como UPN pediron que sexa xestionada por todas as comunidades autónomas. CC tamén pediu que sexa compatible coas pensións non contributivas.

Convalidación do paquete de medidas pola COVID-19

O Congreso tamén convalidou o real decreto lei aprobado en maio con medidas para paliar os efectos da pandemia. Entre a medidas que recolle está a fin das restricións ás portabilidades teléfonicas, ou aprazamento dun mes máis dos impostos para autónomos e pemes. O real decreto tamén recolle a modificación da Lei de pesca para permitir que as mariscadoras poidan acollerse ás axudas da Unión Europea pola crise do coronavirus.

 

Noticias web

10/06/2020