CRTVG

Buscar

Todo listo no Tribunal Supremo para o xuízo contra os 12 acusados polo 'procés'

Publicado o 11/02/2019 19:55

Todo está preparado nesta sala do Tribunal Supremo para que comece o xuízo ao chamado procés. Dentro dunhas horas os 12 acusados sentarán nos bancos situados fronte ao tribunal ainda que tamén se poderán poñer detrás dos seus avogados se asi o desexan e sempre que non teñan que declarar.

Un cento de persoas poderán entrar na sala. 24 serán familiares, dous por cada acusado, unha vintena de xornalistas e o resto, uns 50, asistirán como público.

Entre os políticos que van asistir destaca o presidente da Generalitat, Quim Torra.

"Espero que se garanta a miña seguridade igual que nós a garantimos co Consello de Ministros cando veu a Barcelona", dixo.

Máis de 600 xornalistas nacionais e internacionais están acreditados para seguir o xuízo que será televisado, e tamén se transmitirá por primeira vez a través da web do Poder Xudicial.

Dos doce acusados, nove foron membros do Goberno catalán, incluído o vicepresidente, unha foi presidenta do Parlament e os outros dous son líderes sociais. Vanos xulgar por cinco delitos.

O máis grave é o de rebelión, que implica o uso de violencia no proceso soberanista. A fiscalía cre que si a houbo. A Avogacía do Estado, tras cambiar de criterio, pensa que non e atribúelles sedición.

A primeira sesión estará dedicada ás cuestións previas. O xuízo durará tres meses. A previsión do Tribunal é que remate antes das eleccións municipais de maio.





 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2019