CRTVG

Buscar

Toda a costa galega está en aviso por temporal de mar

Publicado o 05/12/2020 14:30

Case todo o litoral da Coruña, concretamente de Estaca de Bares a Carnota, segue por segundo día consecutivo en risco extremo por ondas de ata nove metros, que xa se puideron ver por exemplo en Cabo Vilá. Hai moito mar e tamén vento forte.

"Está precioso. A min encántame saír a andar co tempo así", di unha muller. "Estaba desexando que chegase un temporal coma este porque me encanta", declara outra. "Sei que non é o máis axeitado para moita xente que traballa pero a min gústame ver o temporal así", subliña un paseante.

A AEMET mantén o aviso de risco extremo nesta costa ata as doce da noite. Mañá prevese que a situación mellore un pouco aínda que seguirá complicada.

"Está moi alterado, vai moito frío, mal tempo. É o que toca neste tempo", admite un home.

Na costa da Mariña tamén se deu aviso de risco extremo desde as seis da mañá, por ondas de ata oito metros. Alí a previsión é que a situación sexa xa algo mellor esta tarde. Con todo, quedará en nivel laranxa, de risco importante.
Coa prudencia de non achegarse ao mar, o temporal non frea os que non perdoan o exercicio.

"Vémolo negro pero hai que moverse un pouco", explica unha muller.
"Para pasear, un día magnífico, hai que tomar as cousas co bo humor", ironiza outro veciño.

O resto do litoral galego está en nivel laranxa, en previsión de ondas de sete a oito metros. Unha previsión que xa se superou nalgúns puntos, como é o caso de Cabo Silleiro, onde se rexistraron ondas de máis de oito metros e medio.
 

Noticias web

05/12/2020