CRTVG

Buscar

Tirapuxa entre Baltar e Calvos de Randín por ser o conxelador de Galicia

Publicado o 09/01/2021 09:10

Novo día de frío en toda Galicia, con temperaturas xélidas durante a madrugada especialmente na provincia de Ourense. Volven os avisos, a neve, máis frío, e importantes refachos de vento nas zonas de montaña. No concello de Baltar e no de Calvos chegaron aos 13 graos baixo cero. Un frío intenso que non quere marchar de Ourense, no sur da provincia anúncianse de novo esta madrugada mínimas por baixo dos -8 graos.

E se a sensación de frío xa era pouca, ollo tamén nas vindeiras horas nas zonas de montaña, en Ourense pero tamén en Lugo, haberá mínimas por baixo dos menos 6 graos e refachos de vento a partir do mediodía de máis de 80 quilómetros por hora.

Semella que Xinzo amencera cuberta de neve, pero o certo é que o que ven é xeada. Normal tendo en conta que dende a noite de Reis non pasaban aquí dos cero graos, o venres a máxima foi de dous e medio.

As madrugadas en aviso laranxa no sur da provincia de Ourense fixeron caer os termómetros mesmo ata os 13 graos baixo cero, e non só en Calvos de Randín, tamén en Baltar.

Tocará abrigarse de novo en Ourense pero tamén en Lugo, aquí as mínimas volvían rexistrarse en Pedrafita e Cervantes con oito graos baixo cero. Un frío intenso que chegou tamén a nivel do mar. En Foz o termómetro baixou ata os menos dous graos.

Irá moito frío e vento, con refachos na montaña de Lugo e Ourense de ata oitenta quilómetros por hora. E sí, tamén vai nevar. Na provincia de Lugo a cota situarase entre os 300 e os 500 metros. polo que as nevaradas poderían chegar mesmo preto da costa.

Noticias web

09/01/2021