CRTVG

Buscar

Tira unha torta á cara dun profesor dun instituto de Lugo para poñelo en Internet

Publicado o 15/10/2019 14:36

Un youtuber lugués que na rede se alcuma Punto Lunático accedeu a este instituto de secundaria da cidade, acompañado doutra persoa que cámara en man gravaba o seu periplo polo centro. Irrompen nunha das aulas e, sen mediar palabra, guíndalle unha torta ao profesor que estaba a impartir a clase ante a incredulidade de mestre e alumnos.

Todo quedou rexistrado nun vídeo, que logo colgaron nas redes sociais. Á busca da impunidade, o mozo agocháse baixo un disfrace de cebra e unha careta. A súa fazaña hoxe era moi criticada entre o alumnado e os pais do centro escolar.

Buscaba a fama, pero o que iniciou este mozo foi o camiño cara a un proceso xudicial. A súa broma terá consecuencias penais. A policía lembra que todo o que se colga na internet queda rexistrado. Non existe a impunidade tras as redes.

Eses delitos poden supoñer penas de cárcere de ata 4 anos, e a sanción económica por vulnerar a lei de protección de datos achegase aos 4.000 euros. O mozo xa está identificado e podería ser detido nas vindeiras horas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/10/2019