CRTVG

Buscar

Theresa May dimite e abre o debate da sucesión

Publicado o 24/05/2019 21:21

Theresa May abandona o poder acurralada polo seu partido ante o fracaso da xestión do brexit. Diante da súa residencia no número 10 de Downing Street anunciou que a súa dimision como líder do partido conservador será efectiva o vindeiro 7 de xuño. Entre bágoas dixo que sempre vai lamentar non poder executar o divorcio da Unión Europea. E conminou o seu sucesor á fronte dos torys e do goberno a lograr o que ela non soubo facer.

Theresa May terá que seguir de primeira ministra interina ata que se peche a carreira por remudala á fronte dos torys. É un proceso interno complicado para o que hai moitos candidatos pero un nome que soa sobre todos eles. Ese nome é o de Boris Johnson, o ex-alcalde de Londres. É un personaxe excéntrico, pero moi popular. Ao seu favor na carreira da sucesión está o seu carisma, imprescindible para facerlles fronte aos ultranacionalistas do Partido do Brexit, que lidera Nigel Farage (no caso de eleccións anticipadas). Quen suceda a May terá que intentar renegociar o brexit para evitar unha saída desordenada de consecuencias económicas imprevisibles. Pero a Unión Europea xa advirte que non se vai mover do pactado con Theresa May.

Theresa May chegou ao dez de Downing Street substituíndo a David Cameron que dimitiu tras convocar e perder o referendo. May entrou polo brexit e sae polo brexit. Quen a suceda no partido conservador e no Goberno terá o encargo de resolver o labirinto que deixa tras perder tres veces a votación para aprobar o acordo de saída pactado coa Unión Europea.

Son varios os aspirantes a sucedela e todos teñen perfís máis duros que May en materia do brexit. Quen máis, o favorito. Boris Johnson, ex-alcalde de Londres e ex-ministro de Exteriores, defende unha saída desordenada do bloque europeo.

Dáse por feito que quen se converta en primeiro ministro intentará cambiar o pactado. Pero Bruxelas xa advirte que, con May ou sen May, non se renegocia nin o acordo nin a data límite para o divorcio fixada no 31 de outubro.

Pero tampouco está claro se o sucesor da aínda primeira ministra intentará rematar a lexislatura ou convocar eleccións, como xa piden os laboristas británicos. Nese caso o excéntrico pero moi carismático Boris Johnson poderíar ser a baza perfecta dos conservadores para frear nas urnas o crecemento dos ultranacionalistas eurófobos do Partido do Brexit.

O Goberno español cre que, tras a dimisión de May, é inevitable un brexit duro, contra o que xa ten preparado un plan de continxencias.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí