CRTVG

Buscar

Theresa May advertiu que o 'brexit' se consumará o 29 de marzo de 2019

Publicado o 10/11/2017 21:55

A Unión Europea dálle un ultimato de 15 días ao Goberno británico para que concrete a factura polo 'brexit'. Sen apenas avances nas negociacións, Bruxelas aprema a Londres para que faga concesións importantes para poder pasar a unha segunda fase. A primeira ministra británica advertiu que, haxa ou non haxa acordo, o divorcio consumarase o 29 de marzo de 2019.

O 29 de marzo de 2019, ás once da noite, O Reino Unido deixará de ser parte da UE. Confirmouno a propia Theresa May, deixando clara a súa determinación de culminar a desconexión haxa ou non haxa acordo cos 27. Ademais, a data será incorporada ao proxecto de lei sobre o 'brexit' e será debatido a vindeira semana no Parlamento. Deste xeito, Theresa May pretende que todos os deputados clarifiquen a súa posición e non poñan atrancos ao proceso, incluídos posibles rebeldes nas filas conservadoras. 

O desafío de May atopou a oposición dun dos homes que redactou o artigo 50 do tratado de Lisboa. O ex-embaixador Lord John Kerr advertiulle que o 'brexit', aínda con data incluída, non é irreversible e que intentar convencer os cidadáns do contrario é un engano.

Tamén tensan a corda dende Bruxelas. Rematada a sexta rolda de negociacións as posturas seguen moi afastadas en tres cuestións clave: o acordo financeiro, a fronteira de Irlanda do Norte e os dereitos dos cidadáns. O xefe negociador da UE deulle un ultimato de 15 días ao Reino Unido para que haxa progresos sinceros e reais nestes puntos.  

É a condición para poder discutir en decembro o que máis lle interesa a Londres: a futura relación bilateral. Michel Barnier apremiou o Goberno británico a que concrete a factura que vai pagar polo divorcio.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/11/2017