Bolsonaro estréase no Brasil rebaixando a suba prevista do salario mínimo
Non tardou nin dúas horas en tomar a súa primeira medida. A decisión correspondíalle ao presidente saínte, pero Termer acabou por delegar e Bolsonaro decidiu por decreto unha suba do salario mínimo que é inferior á prevista polo anterior goberno. E alega unha rebaixa nas previsións do IPC. O novo presidente do Brasil tomou posesión rodeado de milleiros de militares. O seu gabinete, de 22 persoas, ten 5 ex-membros do exército e só dúas mulleres.
"O Brasil á cima de todo e Deus á cima de todo", é o lema de Bolsonaro, que lembra o American First, de Donald Trump, co que o novo presidente da primeira economía de América Latina recoñece sintonía. Ambos teñen tamén nas redes sociais un dos seus principais instrumentos políticos. E foi por Twitter como o mandatario brasileño respondía ás felicitacións de Trump, dicindo que "ambos conseguirán baixo a protección de Deus a prosperidade dos seus pobos". As referencias a Deus foron constantes no seu discurso de toma de posesión, onde evitou declaracións racistas e xenófobas, nun día que presentou como un cambio histórico despois de 13 anos de goberno do Partido dos Traballadores.
"É o día en que o pobo se libera do socialismo, do xigantismo estatal e do politicamente correcto", afirmou.
Unha das súas prioridades, engadiu, será loitar contra o que el denomina ideoloxía de xénero. O ex-militar na reserva chega ao poder cun programa ultraliberal, que prevé privatizacións que desde a oposición consideran draconianas. No social, temen que o seu populismo, por exemplo, no eido punitivo, poida desembocar na perda de dereitos. Aínda que o seu dicurso de firmeza contra a corrupción convence moitos desencatados coa clase política.
A súa foi a toma de posesión máis multitudinaria que se lembra na recente democracia brasileira. Con centos de miles de simpatizantes enchendo as dúas dunha capital, Brasilia, tomada literalmente por decenas de miles de militares. Levaba no desfile chaleco antibalas por temor a un atentado como o que sufriu campaña electoral.