CRTVG

Buscar

Téxtil e automoción, entre os sectores máis afectados pola crise do coronavirus

Publicado o 26/02/2020 21:20

A China é a fábrica do mundo. Pero o coronavirus pechou ou paralizou a súa maquinaria. Os portos comerciais están pechados e desde hai semanas os contedores chineses non chegan cos produtos, pezas e compoñentes que precisan as nosas industrias.

"Quizais os que se poden ver máis afectados son o automobilístico, o tecnolóxico, o téxtil", apunta un analista de mercados.

"Estamos vendo repercusións no sector turístico. Estamos vendo incluso que pode haber desabastecemento de contedores", asegura o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra.

A falta de materiais xa provocou un expediente de regulación de emprego na fábrica de Fujitsu en Málaga. E moitas industrias galegas están tirando de stocks e organizando plans de continxencia por se a crise do coronavirus se prolonga.

"Pódese producir un grande desabastecemento porque o que hoxe estamos consumindo é o que se produciu na China hai varios meses", di Javier Touza, vicepresidente dos empresarios pontevedreses.

As empresas máis expostas xa están pagando as consecuencias. Inditex, por exemplo, chegou a perder 10.000 millóns en bolsa en tres días. Os expertos calculan o efecto do coronavirus sobre a economía española.

"Deberiamos movernos entre unha ou dúas décimas como moito de impacto no PIB, pasaxeiro e recuperable en gran parte nos próximos trimestres", afirma o economista Francisco Vidal.

A incerteza é unha das peores inimigas da economía. Que se cumpran as previsións dependerá da evolución da crise sanitaria.

Noticias web

26/02/2020