CRTVG

Buscar

Tes que levar o fillo ao pediatra? Toma nota destes consellos

Publicado o 18/08/2020 15:24

O hospital Povisa de Vigo elaborou un decálogo con recomendacións para pór en práctica cando visitamos o pediatra e sobre todo cando agardamos na sala de espera con máis pequenos. 

Son medidas que xa se comezaron a utilizar durante a pandemia e que buscan minimizar o risco de contaxio entre os cativos. Evitar as aglomeracións e manter os lactantes no seu carro ou no colo dos seus proxenitores son algúns destes consellos.

Achégase setembro, e con el aumentan as visitas aos pediatras. Este ano esta situación complícase por mor do coronavirus. Co fin de minimizar riscos entre os máis pequenos, Povisa acaba de elaborar unha serie de recomendacións para evitar posibles contaxiosos nas salas de espera.

Distancia de seguridade, limpeza de mans e uso de máscara obrigatoria a partir dos seis anos, que se lle facilitaría no mesmo hospital se fose necesario. E tamén moita puntualidade para evitar aglomeracións na sala de espera.

E unha cousa que os pequenos si botarán de menos serán os xoguetes e os libros, que desaparecen das salas de espera de pediatría. Poderán levalos da casa, pero en ningún momento poden ser compartidos.

Este decálogo de medidas chega para quedar, segundo os expertos, porque nos axudará a previr a covid-19, pero tamén outro tipo de virus.

Noticias web

18/08/2020