CRTVG

Buscar

PSOE e Podemos seguirán negociando tras non lograr un pacto sobre a reforma laboral

Publicado o 25/10/2021 21:57

• O PSOE cualifica o encontro de "construtivo", pero Podemos salienta que aínda non hai consenso

 

PSOE e Podemos seguirán negociando tras non lograr un pacto sobre a reforma laboral

EFE/ Rodrigo Jiménez

AXENCIAS

O PSOE e Unidas Podemos non deron pechado un acordo este luns sobre como acometer a reforma laboral e emprazáronse a seguir falando, o cal supón que a crise aberta entre os socios sobre un asunto que ambos consideran fundamental segue sen resolverse, segundo informan fontes socialistas e moradas.

Mentres o PSOE afirmou que a reunión foi "construtiva", con "bo ton" e que se emprazaron a seguir falando, en Unidas Podemos foron máis explícitos e aseguraron que "será necesario seguir negociando dado que polo momento non hai un consenso sobre a reforma laboral".

A reunión, que durou unhas dúas horas, celebrouse a petición de Unidas Podemos, tras denunciar o venres as "inxerencias" que, ao seu xuízo, está a protagonizar o Ministerio de Asuntos Económicos da vicepresidenta primeira Nadia Calviño nun asunto que, ata o de agora, xestionou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz.

Con todo, todo o PSOE, empezando polo propio presidente do Goberno Pedro Sánchez, argumentou que por ser un asunto tan relevante require da implicación do Executivo "no seu conxunto" e por iso pretenden sentar un representante do Ministerio de Economía na mesa do diálogo social. 

O encontro, que comezou pasadas as 19:30 horas, terminou tras case dúas horas de reunión. Por parte do PSOE acudiu o ministro de Presidencia Félix Bolaños, a ministra de Facenda María Jesús Montero, o portavoz do PSOE no Congreso Héctor Gómez e a vicesecretaria xeral do PSOE Adriana Lastra.

En representación de Unidas Podemos non asistiu a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz, que está representada polo seu xefe de gabinete Josep Vendrell e polo secretario de Estado de Emprego Joaquín Pérez. Fontes da vicepresidencia segunda sinalaron a EFE que a ausencia de Díaz é porque a estes encontros non é habitual que acudan "os líderes da coalición", en referencia ao presidente do Goberno Pedro Sánchez e á vicepresidenta segunda, que representa o liderado de Podemos neste Goberno. Ademais estiveron presentes a secretaria xeral de Podemos e ministra de Dereitos Sociais Ione Belarra, a número dous do partido e ministra de Igualdade Irene Montero e o portavoz no Congreso de Unidas Podemos Pablo Echenique.

Noticias web

25/10/2021