CRTVG

Buscar

Teresa Ribera nega que haxa empresas "ameazadas" pola reforma de Lei de costas

Publicado o 26/02/2020 12:25

A vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, negou que haxa "empresas ameazadas" polos cambios da Lei de costas, unha reforma que, segundo denunciou este mércores o PP no Congreso, podería afectar "máis de cen instalacións e máis de 5.000 edificacións só en Galicia".

O deputado Joaquín García Díez, do PP, acusou, na sesión plenaria de Congreso, a ministra de elaborar un borrador de regulamento que supón "unha ameaza ás conserveiras, piscifactorías e granxas mariñas".

Ribera reprochou as declaracións do PP por "xerar medo a unhas conserveiras que non teñen ningún tipo de problema respecto á aplicación da Lei de costas".

"Entendo que estamos en campaña e iso fai que forcemos os argumentos nalgúns casos mais alá da realidade chegando á mentira", engadiu a ministra.

García Díez, pola súa banda, insistiu en pedir a retirada do borrador de regulamento tras esixir diálogo e consenso e denunciar "a ameaza de viabilidade" de moitas empresas no litoral, obrigadas a "trasladarse desde a costa ao interior ou renovar concesións por prazos ridículos de menos dun ano", comentou.

"Non hai empresas ameazadas, a grande incerteza, a grande ameaza é froito dun desaforamento no cambio da normativa na Lei de costas", asegurou Ribera.

Lamentou a "incerteza" dunha lexislación de 2013 que cualificou de "inconstitucional", do regulamento de Costas "ilegal" de 2014 e de "ese desaforamento que significan os impactos do cambio climático no noso litoral".

Como eixes de traballo neste ámbito do seu departamento, a ministra destacou, en primeiro lugar, "como aplicar aquilo que quedou como un marasmo de confusión" tras as leis erradas durante a etapa que gobernou o PP.

En segundo lugar, "unha lectura positiva da prórroga das concesións vixentes, para manter esas instalacións (no litoral) polo tempo máximo que permite a Constitución e a lei", sinalou.

E por último, avogou por de modificar o regulamento da Lei de costas para convertela "no que sempre debeu ser, a protección do litoral", sen xerar inseguridade, concluíu.

Na sesión de control no Congreso tamén houbo debate sobre o trato fiscal ás comunidades. E o PP acusou o Goberno de estar entregado ao PNV polo traspaso a Euskadi da xestión económica de Seguridade Social. O Executivo negou que vaia afectar a unidade do sistema.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí