Teresa Perales: "Non deixedes que nada ou ninguén vos impida intentalo"
Teresa Perales recolleu esta tarde o Premio Princesa de Asturias dos Deportes en Oviedo. A nadadora, gañadora de 27 metais en seis citas paralímpicas e máis de 70 noutras competicións, agradeceu o recoñecemento cunha mensaxe moi emotiva.
"Quero aproveitar este altofalante para dicirlles aos nenos e aos non tan nenos que non hai que esperar que ninguén nos diga o que vai pasar ou o que temos que facer. Hai que pensalo ou soñalo, decidir ti o que queres e ir por iso con decisión, sen deixar que os obstáculos che impidan polo menos intentalo. E no camiño rodearnos de xente, de amigos, de persoas que che digan sempre, como miña nai, 'aquí estou para axudarche'. E así, aínda que o destino sexa diferente ao que imaxinamos, pagará a pena", dixo tras recibir o galardón.
Teresa Perales foi prata este ano en Toquio, nos 50 metros costas. A deportista agarda seguir sumando metais na vindeira cita paralímpica en París e superar así os 28 de Michael Phelps.