CRTVG

Buscar

Terceiro roubo de castiñeiros en Sobrán, Vilagarcía

Publicado o 29/04/2019 13:19

Rouban 65 castiñeiros plantados en Renza pola comunidade de montes de Sobrán, en Vilagarcía. É a terceira vez nos últimos dous meses que levan parte da plantación para reforestación na que por lei hai que empregrar árbores frondosas nas contornas das leiras. Dende a comunidade piden axuda aos veciños para tentar dar cos ladróns.  

Desta volta foron 65 castiñeiros, que se suman aos 115 subtraídos na zona de Coruxo o pasado mes de abril e os 31 desaparecidos en marzo. O investimento que a comunidade de montes de Sobrán realizou para esta reforestación rolda os 12.000 euros.

José Vite, vogal da Comunidade de Montes San Martin de Sobrán: "Investimos uns 12.000 euros en plantas e estannos roubando. Roubáronos unha primeira remesa de 31 castiñeiros, despois 115 e agora 65. Debe ser planta que deben levar para plantar porque a arrancan con moito coidadiño e deixan todo perfecto. Atrásanos que todo o que ser perda agora non se pode plantar porque estamos xa verán e a planta non sae para diante".

Manuel Barcala, presidente da Comunidade de Montes San Martin de Sobrán: "Nós contamos que ten que ser algún particular e veciño da zona ou de cerca de aquí, porque de fóra non veñen pasear ao monte. Vén moita xente pasear e ven o que hai e teoricamente se lle interesa algún pois van quitando. Nós consideramos que necesitan unha extensión un pouco xeitosa. Para unha comunidade me imaxino que non. porque nós temos 83 hectáreas e isto para nós é pouco pero para un particular fanlle falla unha hectárea, sobre 10.000 metros para poñer estas plantas".

Nesta ocasión plantaron máis de 1.600 castiñeiros e carballos en distintas zonas cun prezo por unidade de 8 euros cun tamaño de entre 70 centímetros e un metro. Piden a colaboración dos veciños para que lles axuden a localizar aos ladróns.

Manuel Barcala presidente da Comunidade de Montes San Martin de Sobrán: "Tamén queremos pedirlles aos cidadáns de Vilagarcía que se puidesen ver algunha plantación dalgún particular que haxa por aí para poder indentificar os castiñeiros. Porque esto me imaxino que é algún que o levou para plantar na súa leira. En sí a planta o valor da planta é moi pequeno, non sei se custa sobre dous euros 50. Pero claro, entre pagar facer o burato, plantala, o protector a canela o abono sale a 8 euros cada planta".

Din que os roubos non só provocan un dano económico, senón que prexudican o monte e todos os cidadáns que nuns anos poderían ir coller castañas e a gozar da natureza ademais de servir para limpar o monte e para previr os incendios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/04/2019