Terceiro cribado masivo en Vimianzo ante o aumento de casos da covid-19
Desde as catro e media da tarde unha ringleira de persoas, coa súa cita previa, agardaban á porta do centro de saúde de Vimianzo para facer a proba PCR. É o terceiro cribado masivo que se fai nos últimos días en Vimianzo, ante o alarmante aumento de positivos por covid-19. Desta volta estaban citados principalmente profesionais que teñen máis contacto cos cidadáns.
"Somos grupo de risco e dixéronnos se queriamos facer a proba".
"Por ter un centro de negocio aquí na vila".
"Estou citada porque traballo no castelo de Vimianzo, son a presidenta da Asociación de Palilleiras de Vimianzo, entón xa me chamaron do Concello para que viñese".
"Eu pedina voluntariamente porque traballo en hostalaría, traballo noutro concello, pero vivo aquí en Vimianzo, e pedina voluntaria".
Con algo máis de 7.300 habitantes, a incidencia de casos positivos en Vimianzo comeza a ser preocupante, aínda que a maioría presenta síntomas leves.
"Si que hai xente con síntomas que desgraciadamente está contaxiada, pero a boa noticia é que a maioría de xente que deu positivo na proba PCR está nos seus domicilios e é asintomática", sinala un enfermeiro do PAC de Vimianzo.
"Para nós, loxicamente, é unha taxa moi elevada, moi procupante. A situación que vivimos nestes momentos xéranos angustia. Agardemos que coas medidas tomadas desde o venres que isto vaia mellor", di a alcaldesa de Vimianzo.
Entre outras medidas, o concello de Vimianzo permanece pechado perimetralmente.