CRTVG

Buscar

Terceira noite de disturbios e violencia en Barcelona

Publicado o 17/10/2019 09:53

Barcelona volveu vivir esta noite graves disturbios e enfrontamentos entre manifestantes e policías. Os incidentes máis graves producíronse fronte á Consellería de Interior. Os Mossos d'Esquadra denunciaron o lanzamento de ácido contra os axentes e mesmo o ataque contra un helicóptero policial. 

Os incidentes máis graves comezaban pasadas as nove da noite. E coma o martes, iniciábanse tras unha concentración convocada polos CDR que reuniu unhas 22.000 persoas, segundo a Garda Urbana.

Ao termo dela, os manifestantes lanzaron papel hixiénico de xeito simbólico, con berros de "non hai papel para limpar tanta merda"... os manifestantes pedían a dimisión do conseller de Interior, Miquel Buch, polo dispositivo policial e as cargas.

A manifestación discorreu de xeito pacífico pola Gran Vía, pero logo foi avanzando cara ao edificio da Consellería de Interior, onde comezaron os altercados. Alí a tensión foi aumentando.

Encarapuchados algúns, outros a cara descuberta, intentaron tirar os valos metálicos que puxeran para protexer o edificio. Tiraron contedores, fixeron barricadas, mesmo coas xardineiras urbanas.
Volven as carreiras...as cargas...e o lume. Segundo o Concello, ata medio cento de incendios no centro da cidade, e unha decena de coches. As lapas mesmo puxeron en perigo un local.

A novidade de onte foi o lanzamento de ácido contra os mossos e tamén pedras, mesmo foguetes pirotécnicos contra un helicópero policial. Os enfrontamentos de onte deixaron así a cidade, convertida en escenario dunha batalla campal. Esta noite, polo menos unha vintena de persoas foron detidas e 52 atendidas polos servizos sanitarios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/10/2019