CRTVG

Buscar

A Revista Fin de Semana

Terceira fase dos labores de escavación en Moimenta, Boiro

Publicado o 01/07/2018 12:45
Comezou a terceira fase dos labores de escavación en Moimenta, Boiro.

Os arqueólogos traballan nun xacemento que data de hai máis de catro mil anos e que quedou ao descuberto como consecuencia dun incendio forestal.







Neste monte desde o que se divisa a ría de Arousa é onde se están a desenvolver os traballos arqueolóxicos. Un equipo da Universidade de Santiago traballa, por terceiro ano consecutivo, en dous xacementos na busca de pegadas dos antigos poboadores.
"Chan do Cerqueiro, que é onde nos atopamos, corresponde co que os arqueólogos chamamos Idade de Cobre, calcolítico, que situamos ao redor de 2.500 a. C."
Identificáronse restos de estruturas de cabanas e outras construcións. Son anteriores á etapa castrexa e construídas con materiais perecedoiros, de aí que queden poucos vestixios. Pero o xacemento é rico noutros obxectos.
"Non é tanto unha riqueza suntuaria, pois non aparece ouro nin prata, pero si que aparecen unha serie de elementos inusuais como as puntas de frecha, ferramentas feitas en pedra. Neste tipo de xacementos non adoitan aparecer máis de media ducia de puntas de frecha, pero aquí levamos un centenar."
Poderiamos estar ante unha auténtica industria de fabricación de armas que os arqueólogos tratan de descifrar.
"A primeira hipótese é que nos encontremos con conflitividade. Outra explicación menos violenta é que fabrican puntas de frecha para intercambialas con outros grupos e obter algo a cambio, desde elementos de primeira necesidade ata suntuarios como contas de colar que atopamos algunhas de sitios tan distantes como Zamora."
Este xacemento de Boiro saíu á luz despois dun grande incendio. Foi parcialmente destruído como consecuencia dos traballos forestais pero, grazas a iso, puido recuperarse gran cantidade de material arqueolóxico.