CRTVG

Buscar

Terapia canina para reeducar presos

Publicado o 02/02/2017 20:47

O proxecto, iniciativa da Fundación Érguete, desenvólvese desde hai dous anos no cárcere pontevedrés da Lama e nel xa participaron 20 reclusos

Reeducar a presos menores de 25 anos con terapia canina é o obxectivo da iniciativa posta en marcha pola Fundación Érguete en colaboración co refuxio de cans de Cambados. O proxecto desenvólvese desde hai dous anos no cárcere pontevedrés da Lama e nel xa participaron 20 reclusos.

O proxecto de reeducación para presos con terapia canina realízase con cans abandonados, e en moitos casos maltratados, que se encontran nesta canceira de Cambados. Con esta terapia inténtase traballar a frustración que teñen os presos que participan no programa, todos eles menores de 25 anos. Serve tamén para que controlen a súa agresividade e a súa impulsividade intentando reeducar estes cans.

"Que traballen os tempos, que saiban esperar, que a agresividade xera máis agresividade, que saiban controlar en positivo, é o mínimo máis importante. Nós o que lles ensinamos é que un can contrólase en positivo", afirma Olga Costa.

A Fundación Érguete está detrás deste proxecto e segundo a súa coordinadora é unha parte moi importante da reinserción destes reclusos, ademais da formación.

"Pero non só podemos formar, temos tamén que reeducar e a nosa inquedanza era, como educamos sen aburrilos, entón coñecimos a Olga e soubemos do labor que fan cos animais do refuxio e por extensión, o traballo que fan reeducando aplicando a terapia canina", di María Rodríguez.A experiencia púxose en marcha en 2015. Segundo os seus responsables cun magnífico resultado. Nel xa participaron 10 presos.

"As primeiras horas da sesión cando Olga e o equipo de Olga dinlles, agora tes que ensinar o can, a súa forma é imporse ao can e iso está prohibido na terapia. Nada se impón, as cousas pídense", afirma María Rodríguez.

O proxecto estase a desenvolver no cárcere pontevedrés da Lama e segundo Érguete a prisión acolleu moi ben esta innovadora iniciativa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/02/2017