CRTVG

Buscar

O xuíz pide de novo o móbil de Fernández Díaz tras o tenso acareo co seu número 2

Publicado o 13/11/2020 16:57

O xuíz do caso Kitchen requiriulle de novo ao exministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, que entregue o móbil que tiña en 2013 e desde o que supostamente enviou mensaxes sobre a operación Kitchen, e, se non é posible, que achegue o que tiña xusto antes do que utiliza actualmente.

O xuíz faille este requirimento nun auto que foi notificado horas despois do acareo no que se enfrontaron Fernández Díaz e o seu segundo Francisco Martínez polas súas diferenzas acerca das mensaxes que este último asegura que se cruzou co exministro, mentres que este nega que sexan seus, ademais de soster que nunca soubo da existencia dun operativo para espiar ao extesorero do PP.

Dadas as diferentes versións de ambos sobre a existencia ou non desas mensaxes, o xuíz considerou que o móbil do exministro adquiriu a condición de "verdadeiro corpo do delito", ao ser "un efecto directamente relacionado coa comisión do delito".

Segundo o auto, no acareo Fernández Díaz accedera a entregar o móbil, pero ao serlle requirido, a súa defensa alegou que debido aos anos transcorridos non ten no seu poder o terminal de 2013 e tampouco trouxera o inmediatamente anterior ao que utiliza actualmente.

Para o maxistrado resulta esencial acceder ao contido do teléfono para poder contrastar coas mensaxes achegadas por Martínez e que denotan o coñecemento do exministro achega do suposto operativo parapolicial para espiar a Luís Bárcenas.

Lembra o auto que cando Fernández Díaz declarou o pasado 30 de outubro pedíuselle que permitise ao xulgado revisar o seu móbil actual, o exministro accedeu e comprobouse que o contacto "Francisco Martínez" que tiña rexistrado estaba baleiro de mensaxes.

O exministro explicou que se debía a que o pasado abril cambiou de móbil e por iso, ao acordar o acareo, García Castellón solicitoulle que entregase voluntariamente o seu móbil anterior, "coa finalidade de corroborar ou descartar o envío de mensaxes que foron protocolizados polo señor Martínez".

Unha vez entregado o dispositivo, o xuíz citará de novo a Jorge Fernández, xunto co seu defensa, para proceder ao exame do terminal, recolléndose no seu caso a existencia das mensaxes (ou a súa ausencia) polo Letrado da Administración de Xustiza. 

Noticias web

13/11/2020