CRTVG

Buscar

Tensión entre o chavismo e a oposición nas fronteiras de Venezuela e Colombia

Publicado o 23/02/2019 20:26

O pulso entre o chavismo e a oposición mídese este sábado nas fronteiras do país, sobre todo na de Colombia. A oposición quere ingresar desde alí 600 toneladas de axuda humanitaria, a maioría dos Estados Unidos. Maduro pechou os lindes para impedilo. Considera esta axuda o primeiro paso a unha intervención militar.

En Cúcuta, moi preto da fronteira que separa Colombia de Venezuela, algúns cidadáns saltaron o valado de seguridade para intentar acceder á axuda humanitaria que nas vindeiras horas vai intentar entrar desde territorio colombiano cara ao interior de Venezuela. A tensión aumenta por momentos na zona, onde xa está Juan Guaidó que nas últimas horas desafiou a Maduro e cruzou a fronteira.

As forzas das dúas partes medíronse nun duelo de concertos. No lado colombiano, co patrocinio do magnate británico Richard Branson, unha trintena de artistas como Miguel Bosé, Alejandro Sanz, Paulina Rubio, Maluma e Maná, mostraron o apoio á causa da oposición. Juan Guaidó deu a sorpresa ao presentarse no lugar, a pesar de ter prohibido saír de Venezuela
Juan Guaidó. "E a pregunta é: como chegamos a Colombia? Estamos aquí porque as forzas armadas tamén participaron neste proceso".

Co título "Mans fóra de Venezuela", o chavismo contraprogramou o evento cun recital do lado venezolano. Ernesto Villegas, ministro de Cultura de Venezuela di "Vimos con entusiasmo para acompañar os artistas que se deron cita neste lado da fronteira para reafirmarse na paz, non para ser teloneiros da guerra, non para cantarlle á intervención imperial".

Unha delegación do PP, encabezada por González Pons, viuse con Guaidó na fronteira colombiana para darlle o seu apoio. Guaidó indicou que se apuntaron un millón de voluntarios para levar a axuda a Venezuela e que moitos cidadáns sairán tamén ás rúas para reclamar que a deixen pasar.

Noticias web

23/02/2019