CRTVG

Buscar

Tendas de campaña penduradas das árbores, unha experiencia diferente na Ribeira Sacra

Publicado o 23/08/2021 21:08

O albergue da Fábrica da Luz, en Parada do Sil, ofrece unha experiencia de acampada vivac: tendas de campaña penduradas das árbores, para pasar a noite en contacto estreito coa natureza, na contorna do río Mao.

A metro e medio do chan, o ascenso ás tendas colgantes de Parada do Sil faise dun chimpo. Óscar González Conde, xerente da Fábrica da Luz: "Primeiro, cando sobes e notas que non vas caer..., logo dormes moi ben no aire, a xente marcha coa sensación de durmir moi ben".

Á sombra de pradairos, carballos e cerdeiras silvestres, as tendas, durante a noite, somérxennos na música da Ribeira Sacra. A poucos metros flúe o río Mao, coas súas piscinas naturais e o paseo de madeira cos vistas ao canón, un dos reclamos turísticos da Ribeira Sacra.

"A contorna e todo é de estar en contacto. Chama moito a atención, sobre todo á xente que somos de cidade, que buscamos isto". "É a primeira vez que veño á Ribeira Sacra e estame gustando, todos os viñedos, os canóns...", comentan dous turistas do País Vasco e Zaragoza.

A experiencia nas tendas, con capacidade para tres persoas, custa 50 euros, almorzo incluído. Para máis intimidade, poden cubrirse con lonas.

Noticias web

23/08/2021