CRTVG

Buscar

Miguel, tetrapléxico desde os 18 anos por tirarse ao mar de cabeza

Publicado o 02/07/2021 12:39

Miguel mancouse nunha praia do Grove en 1990. Tiña 18 anos cando petou coa cabeza na area, o que lle causou a lesión medular. 

 "Diante de min foi un amigo meu, que se tirou e non tivo ningún problema. Era unha rocha baixa. Non tiña sentimento de estar poñéndome en perigo", relata Miguel.

Tras case un ano de rehabilitación na unidade de lesións medulares do hospital da Coruña, mellorou. Non pode mover as pernas e os brazos moi pouco. As lesións medulares son irreversibles.

"Resúltame irritante cando vexo a xente nova tirándose desde as rochas ou facendo piruetas, porque nun segundo pode cambiar a túa vida", lamenta Miguel.

A xente nova é menos consciente do risco. El acababa de facer 18 anos cando se lesionou. Pero considera que hai un estereotipo que non se axusta á realidade e quere romper cos tópicos porque a súa é unha vida intensa. 

"Participei en actividades sociais, traballei na universidade, en varias empresas. Teño unha empresa con outros socios. Viaxei moito, casei, gocei plenamente da vida en moitos sentidos, tamén tiven dificultades. Penso que non moi distinto doutras persoas que teñen outro tipo de vulnerabilidades ou fraxilidades", conta.

Así e todo, cualifica a súa experiencia de traumática e cre que iso lle influíu para preocuparse máis polos asuntos públicos e ter un maior compromiso político e de transformación social.

 

Noticias web

02/07/2021