CRTVG

Buscar

Temporal de neve en 12 comunidades pola confluencia do aire polar coa borrasca tropical Filomena

Publicado o 07/01/2021 14:57

O centro da forte borrasca tropical que a Axencia Nacional de Meteoroloxía bautizou como Filomena está aínda ao norte das Canarias, pero os seus efectos esténdense xa sobre boa parte da Península con vento e precipitacións fortes. O que máis preocupa son as nevaradas, que van ser xeneralizadas e moi intensas na maior parte da Península.

No interior de Andalucía, Castela-A Mancha e Madrid a neve xa empezou a caer e callar esta mañá e provocar problemas nas estradas. As zonas nevadas irán a máis conforme a borrasca cargada de humidade vaia batendo coa masa de aire polar que hai días que xa se deixa sentir con forza en lugares do norte coma Vitoria.

"Horroroso". "5º baixo cero". "Moito frío para estar na rúa", din os veciños.

Hoxe están en alerta 16 comunidades, 12 delas por neve. As previsións da AEMET din que nas próximas horas haberá certa melloría, pero que mañá pola tarde e o sabado volverá nevar con forza no sur, norte e leste da península e tamén nas Baleares. O Ministerio de Transporte despregou todos os medios de apoio nas estradas e reforzou as medidas de prevención nos aeroportos e nas infraestruturas ferroviarias.

Noticias web

07/01/2021