CRTVG

Buscar

Tempo inestable o sábado, nomeadamente no norte de Galicia

Publicado o 19/07/2019 13:56

A pesar das néboas e nubes coas que amenceu a maior parte de Galicia, un anticiclón acompañará a comunidade galega case toda a fin de semana, agás o sábado, que se espera unha xornada inestable

"Tanto hoxe venres coma o domingo esperamos un tempo anticiclónico, propio desta estación. As altas presións aportan estabilidade aínda que aparecemos con néboas en moitos puntos do interior e con nubes baixas no litoral norte, todo isto vai retrocedendo. As tardes son de ceos bastante abertos. Ademais hoxe superaremos temperaturas de 30º en puntos de Ourense e achegarémonos a este valor nas Rías Baixas, quedando nunha temperatura de entre 20 e 25º no norte", di Juan Taboada, meteorólogo en Meteogalicia.

Engade que "mañá achégase unha pequena fronte moi desfeita con pouca actividade, pero suficiente para deixarnos o ceo máis cuberto, algunha chuvia no litoral da Coruña pola mañá, aínda que pola tarde vai abrir, vaille custar máis que hoxe e o domingo, quedando algunhas nubes e con temperaturas máis baixas".

O inicio da semana vindeira será caloroso, aínda que a mediados isto podería cambiar, chegando co Apóstolo algo de choiva. Así, entre ceo nubrado e temperaturas oscilantes, o verán non acaba de asentarse en Galicia.

"Hai que pensar que isto é unha previsión a medio prazo. Hai que ter a idea de sol e calor a principios de semana, pero tamén empeoramento a mediados. Ademais, o bo tempo non acaba de chegar, esa situación de que o anticiclón se poña ao norte da Península Ibérica. Esa posición é a perfecta para Galicia porque é cando nos deixa estabilidade en todo o territorio, atraendo masas de aire cálido procedentes do sur. Así poderíamos ter eses días consecutivos de sol e calor, pero en principio iso non está pasando e non se ve para a vindeira semana", asegura Taboada.

Polo momento, toca aproveitar as treguas que traen consigo os anticiclóns para gozar da praia e do sol.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/07/2019