Temperaturas por riba dos 30 graos nas Rías Baixas
Moita calor tamén nas Rías Baixas. Máis de 30 graos teñen en Vigo. Aínda que alí por sorte contan co alivio de estar preto do mar.
Xa a temperatura de 20 graos que se rexistrou ás 8 da mañá presaxiaba que hoxe sería, como está sendo, unha desas xornadas en que a chaqueta sobra, polo menos, durante o día, xa que se agardan 31 gros de máxima para Vigo e 29 para Pontevedra.
Ollo, porque, como avanzan os nosos compañeiros do tempo, pola tardiña irán aparecendo brétemas costeiras, típicas desta época do ano, polo contraste entre a temperatura da auga do mar, que está relativamente fría, e a do aire, que está relativamente quente. De aí que cara ao serán e para esta noite especial de véspera de San Xoán haxa que ir botando man dunha chaquetiña, porque os termómetros descenderán ata os 14 graos. Quedaría así un ambiente suave e algo máis fresquiño que, por exemplo, esta mesma noite pasada.