CRTVG

Buscar

Televés crea un dispositivo máis fiable para detectar a covid

Publicado o 23/02/2021 15:26

A empresa compotelá Televés desenvolveu un aparello para detectar a covid que reduce a un dous por cento os falsos negativos, fronte ao 16 por cento de falsos negativos que ofrecen os sistemas actuais. Tamén comunica os resultados en 10 segundos.

A recollida e tratamento de mostras para detectar coronavirus é a mesma que a que se está a usar actualmente nos tests de antíxenos, pero a interpretación dos resultados non. Técnicos da empresa elaboraron o prototipo dun aparello que substitúe o ollo humano por un lector óptico que capta o virus con maior precisión e reduce a porcentaxe de erros.

"No laboratorio hai unha porcentaxe de entre un 15 e un 20 por cento de tests que poden ser falsos negativos porque o ollo humano non é capaz de detectar as bandas de test correctamente. Nós pasamos a ter unha taxa dun dous por cento", explica Raúl Álvarez, xefe do proxecto.

O dispositivo está conectado a unha aplicación móbil que envía automaticamente os resultados. "En dez segundos fai a lectura, dá os resultados e inmediatamente se comunica co cliente, sexa administración pública ou empresa privada, e automaticamente temos os datos no sistema", afirma Raúl Álvarez.

Está pensado para aeroportos, medios de transporte, hoteis estadios ou eventos que precisen facer test de antíxenos rápidos e fiables. Non serve de momento para uso individual, xa que a recollida de mostras nasofarínxeas precisa de especialistas, pero a idea é adaptalo para uso doméstico a longo prazo. Televés calcula que sairá ao mercado antes de dous meses e avanza que custará entre 150 e 200 euros.

Noticias web

23/02/2021