Salas de concertos e pubs, lonxe da nova normalidade nos seus negocios
Os pubs e as salas de concertos aínda albiscan lonxe a nova normalidade. Os hostaleiros nocturnos ven en perigo a continuidade dos seus negocios, nos que a realidade pasa pola proximidade entre os clientes.
Por iso, nalgunhas cidades como Vigo están en marcha iniciativas que levan a copa e a música a domicilio. O Sinatra vigués comeza o luns co teleguateque.
Definición de teleguateque: Dúas copas de cristal do bo e de tacto excelente, froita deshidratada para acadar un acabado profesional "Sinatra" e unha sesión musical dobre a cargo dos DJ residentes deste local Jacobo e Jorge, como os clientes, máis ou menos acelerados.
Para recibir na casa unha maleta coma esta poden chamar entre as sete da tarde e as doce da noite ao bar Sinatra ou usando a web dbarrio.com, a ámazon do comercio local de Vigo.
Un espírito nada frívolo o de Juanjo, porque o negocio da noite non o é.
Cóntanos que o seu mundo, e o dos seus colegas de oficio na cidade, non pode parar de xirar. Da man do Concello, porque xa falaron co alcalde, procurarán activar barras e música para este verán.