CRTVG

Buscar

Teatro e muiñeira para celebrar as Letras Galegas no CPI Viaño Pequeno de Trazo

Publicado o 17/05/2019 15:10

Os nervios deben estar á flor de pel arestora no Centro Público Integrado de Viaño Pequeno. O colexio de Trazo está a minutos de estrear a obra de teatro coa que festexan o día das nosas letras e andaron toda a mañá atafegados cos últimos preparativos. A xulgar polo derradeiro ensaio xeral ao que asistimos este mediodía, todo vai saír de marabilla.

Convocados para o ensaio xeral, ás once da mañá, os alumnos de 5º de primaria do CPI Viaño Pequeno xa estaban vestidos e dispostos pero... aínda cumpriron uns pequenos retoques de son e do pano de fondo, co que ata o director do centro tivo que botar unha man para que todo saia perfecto nuns minutos.

A súa tirtora Rosa cóntanos que ás dúas e media comeza o Festival das Letras Galegas con esta obra máis o himno galego cos de 6º e, logo, os de primeiro prepararon unha muiñeira e que elixiron estas tres actuacións xa que Fraguas era moi amante dos nosos costumes e folclor.

Unha alumna dinos que a obra Restaurante Farruco é toda en rimas, en galego mentres outra móstrase encantada con todo o que fan no colexio.

Actrices e actores non tiveron nin un só erro de memoria no ensaio e cada un gozou co papel que lle tocou representar e tamén da previa elaboración dalgúns dos disfraces.

As tres que fan de chocos cóntannos que o fixeron elas ca nai dunha e que o é todo froito do seu mazín mentres que a que fai de mosca demóstranos como ten que falar co seseo. 

Os alumnos de Trazo, concello eminentemente rural da periferia de Santiago, son galegofalantes decote. Porén, o día das nosas letras fai soar as alarmas tamén no rural. 

Rosa, no día a día, decátase de que eles malia ser galegofalantes prefiren ler e escribir en castelán polo que cre que o galego está ameazado mesmo no rural e cos seus alumnos avoga porque o día das Letras sexa todo o ano. 

Por iso, máis ca nunca eles son hoxe embaixadores e exemplo dunha lingua que aman e queren protexer. E desde Trazo deséxannos...

Feliz día das letras galegas e falade galego!!!!

 

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/05/2019