CRTVG

Buscar

Tatiana Pérez montou a súa tenda de té cunha axuda para emprendedores retornados

Publicado o 13/08/2017 15:07

Tea Brigde London é unha tenda de té situada en Arteixo pero que xa se consolidou como marca en Europa

Despois de cinco anos en Londres, Tatiana regresou a Arteixo cunha idea clara: "Decidín que quería formar o meu propio proxecto e que quería facelo aquí, na terra, porque levaba varios anos fóra e quería regresar"

Na capital británica, Tatiana traballaba para unha prestixiosa empresa de té na que xerminou a súa aventura emprendedora. 

"Alí empezou a miña formación e tiven a oportunidade de ir subindo de postos na empresa. Cheguei a ser encargada de produción da compañía inglesa e dedicábame a que todo fora perfecto e que os tés pasasen o baremos de calidade"

Unha bagaxe profesional que puxo ao servizo do seu proxecto. Unha boutique do té que Tatiana abriu cos seus aforros pero que consolidou grazas a unha axuda para emprendedores retornados.

"Foi un capital importante para poder investir en diferentes partes da empresa. Puiden patentar a marca a nivel de Europa, investir na páxina web"

Malia que nun primeiro momento era remisa a calquera tipo de subvención, despois da súa  experiencia, Tatiana recoñece que estas axudas da Secretaría Xeral de Emigración son unha oportunidade para facer realidade o soño de calquera emprendedor que regresa a Galicia.

"É moita axuda e está xenial para fomentar que a xente que está fóra traballando nun restaurante 14 horas que vexa que aquí hai a oportunidade de emprender".

Despois de dous anos como emprendedora retornada, Tatiana asegura ter superadas as súas expectativas empresariais na súa boutique do té

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/08/2017