Tarragona reclama nas rúas seguridade e respostas tras a explosión na petroquímica
Piden seguridade e respostas. Tarragona protesta pola xestión da emerxencia En Tarragona, o barrio máis próximo á factoría petroquímica que estoupou o mércores manifestouse hoxe para reclamar máis seguridade. Convocounos a asociación de veciños da Bonavista e secudaron a acción varios centos de persoas. Amosáronlles a súa solidariedade ás familias das vítimas mortais, e protestaron polas condicións de seguridade insuficientes con que opera este tipo de industrias. Din tamén que "a lamentable xestión da emerxencia non pode quedar impune".
Un cento de edificios, con danos e perdas
Xunto aos mortos e os danos máis graves, o estoupido deixou perdas e estragos nun cento de edificios do barrio da Bonavista, incluídos o instituto e os colexios. A asociación de veciños quere organizar os afectados.
Loli Gutiérrez, presidenta da asociación de veciños da Bonavista (Tarragona): "Hai moitos bloques nos que están saíndo fendas. Hoxe viñeron uns cantos (afectados) para ver como son os procedementos".
Para a volta á normalidade, a empresa remite os afectados á compañía coa que tiña subscrita unha póliza de seguros. A asociación de veciños préstalles o seu apoio.
Loli Gutiérrez, presidenta da Asociación de veciños da Bonavista (Tarragona): "Se é un caso urxente, o primeiro que teriamos que facer é ir denunciar ante os Mossos, para dicirlles o que pasa, e o segundo que teñen que facer é cubrir toda a información que nós lles demos".
Cun polígono ao norte, outro ao sur e o porto ao leste, Tarragona é un caso extremo de cidade co seu centro cercado por actividades industriais altamente contaminantes e perigosas.