CRTVG

Buscar

Caen máis de 3.000 raios en Galicia nunha xornada de tormentas intensas

Publicado o 05/07/2019 08:14

• Aviso laranxa no interior das provincias da Coruña e de Lugo

• As treboadas veñen acompañadas de saraibadas e fortes chuvias

Consulta a previsión para as próximas horas

As tormentas que afectan a comunidade galega durante este xoves xa tiveron os seus primeiros efectos no territorio e víronse acompañadas de precipitacións, saraibadas abundantes e máis de 3.000 raios. O Goberno galego activou a situación de aviso laranxa no interior das provincias da Coruña e Lugo e na zuna montaña luguesa, mentres que na Mariña e no sur desta provincia declarouse o aviso de nivel amarelo.

Segundo trasladaron fontes de Meteogalicia a Europa Press, iniciáronse ao leste da provincia luguesa, a máis afectada durante esta xornada, e fóronse movendo cara ao oeste e o norte. As tormentas "foron abundantes", puntualiza a entidade, e levaron consigo un intenso aparello eléctrico, sobre todo en Lugo, onde caeron a maioría de raios durante esta xornada. Esta situación rexistrouse especialmente entre as 16.00 e as 20.00 horas, cando se puido observar un incremento progresivo de actividade eléctrica desde os servizos de medición da entidade meteorolóxica. Así mesmo, estiveron acompañadas de fortes saraibadas e, nalgún caso, pedrazo, e espéranse chuvascos fortes nas próximas horas. As saraibadas déronse, especialmente, no centro, o sur e o leste de Lugo, mentres que as choivas estendéronse por toda a provincia e a zona oriental da Coruña.

O mal tempo continuará durante a madrugada e estenderase ao longo da xornada do venres. A Axencia Estatal de Meteoroloxía ( AEMET) alertou de que un total de 14 provincias estarán en risco por tormentas fortes este venres, entre elas A Coruña e Lugo. En concreto, afectarán á Coruña, Lugo, Asturias, onde poden ir acompañadas de chuvascos e refachos de vento fortes e saraiba, e a Cantabria.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/07/2019