CRTVG

Buscar

TAP desembarca en Santiago en marzo de 2021 con dous voos diarios a Lisboa

Publicado o 12/09/2020 18:58
TAP desembarca en Santiago en marzo de 2021 con dous voos diarios a Lisboa

A aeroliña portuguesa TAP presenta o seu programa de expansión con vistas a 2021. Un anuncio no que presenta as súas novidades para o próximo verán, que inclúen o desembarco en novos destinos de España, entre eles A Lavacolla, e de Croacia, Sudáfrica, Marrocos ou Tunisia, entre outros.

Unha lista de novos destinos aos que suma os previstos para este 2020, que a pandemia lle obrigou a pospoñer, entre eles Santiago de Compostela. A aeroliña portuguesa lanza á venda prazas desde 40 euros cada traxecto para a ruta entre Lisboa e a capital galega. Inaugura o novo enlace directo o 25 de marzo de 2021 por partida dobre, con dúas frecuencias diarias, como eran os plans en 2020.

Os dous voos diarios ofreceranlle a Galicia un intercambiador para conexións internacionais en Lisboa como alternativa ao de Iberia en Madrid. Utilizará na Lavacolla un ATR72 con capacidade para 70 pasaxeiros, con saídas ás 10 da mañá e a media tarde.

A presenza de TAP na Lavacolla incrementa así de xeito notable a oferta para viaxar desde o aeroporto galego aos Estados Unidos, México, Sudáfrica, Marrocos ou a diferentes destinos europeos.