CRTVG

Buscar

Tania Varela, no banco dos acusados, declara que a súa actividade foi sempre legal

Publicado o 28/02/2019 19:47

Tania Varela, a avogada galega condenada por narcotráfico, sentou no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra. Enfróntase a unha petición de pena de tres anos e medio de prisión por branqueo de capitais. Xa foi condenada en 2013 e sete anos e medio de prisión por tráfico de drogas. 

Tania Varela entrou na Audiencia de Pontevedra, procedente do cárcere da Lama, para ser xulgada por branqueo de cartos. A Fiscalía Antidroga considera que entre o ano 2005 e 2006 a avogada constituíu unha sociedade mercantil para adquirir terreos e un vehículo con diñeiro procedente do narcotráfico, precisamente para ocultar a orixe ilícita destes cartos.

O avogado da defensa, Bernardino Rodríguez, insistiu na inocencia da súa clienta, e pediulle ao tribunal a nulidade das actuacións, amparándose en supostos defectos na instrución que vulneraron os dereitos fundamentais da acusada. Entre esas irregularidades estarían unhas intervencións telefónicas ao móbil da súa clienta, que, segundo a defensa, non contaban coa preceptiva orde xudicial.

A acusada só respondeu as preguntas do seu avogado. Dixo que nunca levou casos nin manexou fondos do narcotráfico, e que só mantivo unha relación estritamente profesional co que fora o seu cliente, David Pérez Lago. O fillo de Esther Lago e fillastro de Laureano Oubiña declarou por videoconferencia, dende o cárcere onde cumpre condena, e referendou esta versión. Pérez Lago xa foi xulgado anteriormente por estes delitos.

A Fiscalía Antidroga considerou que o exposto pola defensa atinxe a outra causa, que xa está xulgada e conta cunha sentenza firme do Tribunal Supremo. Esa sentenza, do 2013, considerou probado que Tania Varela mantiña unha estreita colaboración con organizacións de narcotráfico, e condenouna a sete anos e medio de prisión por tráfico de drogas. Foi o momento en que Varela fuxiu, pasando a ser unha das delincuentes máis buscadas pola Interpol, ata ser detida en Sitges en marzo do ano pasado.

 

Noticias web

28/02/2019