Só Luís César mantén a fe
O Deportivo entra na UVI. Catorce partidos sen gañar, segundo equipo menos goleador, equipo máis goleado, sensación de extrema febleza... todos os parámetros falan dun enfermo moi grave. Un equipo en caída libre. Mesmo Riazor comeza a despoboarse. A día de hoxe, só Luis César parece manter a fe do carboeiro.
"Vou saír de aquí e o Deportivo vai ir para arriba e aos meus xogadores tamén llelo digo. Eu non llo digo á xente, eu dígollo á miña familia, á xente que me quere, porque estou convencido de que imos saír de aquí", asegura o adestrador.
Pero ata o momento tampouco o técnico deu coa medicina milagreira. Cinco partidos e só dous puntos. As mellorías son moi leves e cada derrota afunde máis o ánimo do doente. O arousán receita unha paciencia da que apenas queda.
"Teñen que esquecer, e amargarse e son cicatrices que van quedando no corpo das persoas. Todas as derrotas son cicatrices que están aí, que hai que suturar, hai que lamber as feridas e para adiante. Ser expertos en esquecer, nada máis, esquecer, xa pasou, isto segue", recomenda o técnico.
Haberá venda para tantas feridas? Só o tempo o dirá.