CRTVG

Buscar

Támara Echegoyen regresa aos adestramentos despois da lesión no Europeo

Publicado o 03/06/2019 20:20

Abandonou o campionato de Europa de vela por prescrición médica tras un golpe na cara en plena competición. Esta semana, Támara Echegoyen agarda volver aos adestramentos en Santander.

"Teño unha fractura. Non é moi grande, pero cando o óso rompe, tes que darlle o seu tempo. Neste caso o que temos que facer é volver á auga pronto e empezar a adestrarnos. Son cousas que pasan no camiño e hai que ter paciencia e esperarei o momento idóneo para volver á auga", dixo a regatista galega.

Echegoyen lesionouse despois de completar as cinco primeiras regatas, catro delas entre os tres primeiros postos. A lesión chegoulle en plena progresión do equipo. 

"Cada día que pasa estou moito máis contenta e esperanzada. Todos sabedes que empecei unha campaña express con Paula Barceló, que é unha regatista moi nova de Palma de Mallorca. Fomos pouco a pouco e dedicándolles moitas horas e xa nas últimas competicións estivemos facendo bos papeis parciais", asegurou Echegoyen.

Echegoyen e Barceló teñen dobre competencia: a internacional, en busca da clasificación olímpica do barco español, e a nacional, con outros dous barcos do país.

"Queda moitísimo traballo e diferentes pasos que dar. España ten a sorte de que haxa máis dun equipo na loita. Que haxa canteira para min é unha motivación extra", explicou a campioa olímpica e do mundo.

O Mundial disputarase a partir do 29 de novembro en Nova Zelandia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/06/2019