Tal día coma hoxe, hai 102 anos, remataba a Gran Guerra
Foi tal día coma hoxe de hai 102 anos. Nun vagón de tren parado no bosque francés de Compiegne, os delegados alemáns aceptaban os termos da derrota redactados pola delegación franco-británica.
Era o punto e final dun pesadelo que comezara 4 anos atrás nunha rúa de Saraievo co asasinato do herdeiro austrohúngaro.
En poucos meses, os xogos de alianzas desembocaron nun enfrontamento sen cuartel entre Alemaña e Austro-Hungría, dun lado, e Francia, o Reino Unido e Rusia do outro.
A posterior entrada na guerra do Imperio Otomán, os Estados Unidos, O Xapón e ata unha trintena de países converteuna no primeiro conflito global da historia.
Catro anos e 15 millóns de mortos despois, o mundo era outro: catro imperios desapareceran, nacera a Sociedade de Nacións, antecesora da actual ONU e Alemaña recibía un castigo a mans dos vencedores de tal dimensión que moitos historiadores o consideran xermolo da outra gran guerra que chegaría 20 anos despois.
A historia da Gran Guerra rematou á undécima hora do undécimo día do undécimo mes de 1918, unha efeméride que británicos, franceses e australianos conmemoran solemnemente cada ano, aínda que desta volta, con outro inimigo case invisible nas mentes de todos.