CRTVG

Buscar

Susto en Viveiro por un incendio que obrigou a desaloxar un edificio

Publicado o 08/08/2021 21:24

As lapas comezaron pouco despois do mediodía nun edificio da rúa Misericordia de Viveiro e desataron todas as alarmas. Alcanzaron unha altura considerable e calcinaron o lateral do inmoble.

O incendio que afectou, ademais, un garaxe dunha vivenda unifamiliar lindeira obrigou a desaloxar unha vintena de veciños, varios deles de avanzada idade. Non houbo feridos, pero si retencións para acceder a Covas, xa que a estrada quedou cortada desde a rotonda do Ecce Homo. O tráfico desviouse polo paseo marítimo.

A orixe do lume puido ser unha grella dunha casa lindeira.

Os bombeiros de Viveiro lograron controlar as lapas e sufocaron o incendio que calcinou as chapas de protección lateral do edificio afectado.

O lume provocou unha intensa fumareda visible desde moitos puntos de Viveiro. Ata o lugar desprazáronse, ademais dos bombeiros, Policía Local, Nacional e Protección Civil, e tamén se mobilizaron as urxencias sanitarias do 061.