CRTVG

Buscar

Suspéndese un xuízo de intento de homicidio en Ribeira para negociar un acordo

Publicado o 11/09/2019 13:25

Oito mil euros de indemnización é a contía que dúas vítimas de intento de homicidio e lesións lle piden á súa presunta agresora, a cambio de reducir a pena de catorce anos de prisión que lle pide a Fiscalía. O xuíz deulle á acusada tres semanas para depositar os cartos, ou terá que ir a xuízo.

A acusada, unha muller de nacionalidade cubana pero residente en Ribeira, leva en prisión desde que sucederon os feitos, en agosto do ano pasado, e vai seguir así, cando menos ata o 1 de outubro. Tres semanas é o prazo que lle deu o xuíz para que consigne os 8.000 euros de indemnización que lle pide a fiscalía. Se o fai, o Ministerio Fiscal negociará coa defensa unha redución da condena que, de non haber acordo, podería elevarse a catorce anos e seis meses de prisión.

Está acusada de atacar cun coitelo de cociña unha parella que estaba sentada nesta terraza, nas inmediacións da praia de Coroso. Ao home, ao que lle reclamaba un teléfono móbil e co que ao parecer xa tivera outro altercado unhas horas antes noutro local, asestoulle dúas coiteladas no peito, segundo o fiscal, con ánimo de matar, polo que lle pide 7 anos de prisión e 6.000 euros de indemnización por un homicidio en grao de tentativa.

A outra vítima, que intentou mediar, recibiu unha coitelada tamén no peito pero de menor gravidade, un delito de lesións polo que a fiscalía pide 4 anos de cadea e 2.000 euros de indemnización. A maiores, está acusada de atentado contra a autoridade por se abalanzar co coitelo contra os axentes da Policía Nacional que acudiron ao lugar. Un delito polo que o fiscal pide 3 anos e seis meses de prisión.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019

Máis sobre ribeira