Suspéndese de xeito definitivo a 'Rapa das Bestas' de Sabucedo (A Estrada)

Veciños da parroquia de Sabucedo, na Estrada (Pontevedra), decidiron esta tarde "por ampla maioría" suspender de forma definitiva a edición de Rapa das Bestas deste ano por seguridade sanitaria debido á pandemia do coronavirus.
Nunha asemblea veciñal na carballeira de Campo do Medio, algo máis de cen veciños reuníronse esta tarde para tomar a decisión. "Os veciños consideraron que hai que actuar con responsabilidade para preservar a saúde das persoas e non hai que correr riscos innecesarios que poidan facer que xurda un rebrote. Deste xeito tomamos unha decisión das máis difíciles, non pola festa, senón polo coidado dos animais, que son a maior das prioridades, só por baixo de saúde das persoas", indicou Paulo Vicente, presidente da asociación de veciños.
A directiva expúxolles aos veciños as distintas alternativas existentes, que pasaban pola suspensión definitiva, a celebración dunha rapa pechada sen público ou con certo aforo. Para estas dúas últimas opcións había establecidos protocolos sanitarios que incluían a realización de probas PCR para os aloitadores e demais colaboradores".