CRTVG

Buscar

Suspéndese ata setembro o xuízo á Manada de Manresa

Publicado o 12/07/2019 22:37

As mensaxes de Whatsapp intervidas nos teléfonos da moza e dos acusados de violala en grupo confirman a versión da vítima.
Ela quéixase a unha amiga de que a drogaron. E un deles presume de que tiveron sexo mentres ela se queixaba. Así o relataron este venres ante a xustiza policías encargados da investigación. Os axentes confirmaron tamén que na casa dun dos acusados atoparon unha pistola.

Esta ía ser a última sesión do xuízo. Pero a vista aprázase ata setembro para que os peritos presenten os resultados das probas de ADN.

O fiscal sostén que mentres un acusado miraba, outros seis agrediron sexualmente por quendas a menor ameazándoa cunha pistola e aproveitando que apenas estaba consciente. Pero polo de agora non está claro se os vai acusar de abuso ou violación.
Á saída dos xulgados, un dos acusados aseguraba que non pasou nada e que aquela foi unha festa normal. "Estivemos bebendo, fumando e pasando o tempo, como se fose un botellón normal. E coa vítima?Non tiñamos relación con ela. Eu non a coñezo", afirmaba.

Varias testemuñas declararon tamén como o principal acusado os ameazou de morte a eles e á vítima para que cambiasen a súa declaración ante o tribunal.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2019