CRTVG

Buscar

Suspéndese a extracción de fuel do Blue Star polo temporal

Publicado o 26/11/2019 21:29

• Restrinxido o tráfico para facilitar o acceso dos medios

As pésimas condicións meteorolóxicas obrigan a suspender a retirada do combustible do Blue Star. A extracción das cen toneladas de fuel quedan suspendidas ata que as condicions do tempo o permitan facer con seguridade. Por decisión da navieira propietaria do quimiqueiro, tamén se evacuou toda a tripulación que permanecía no buque embarrancado na costa de Ares. Tamén se retiraron os traballadores que estaban facendo os preparativos para sacar o combustible.

A actividade continuou a bordo do Blue Star ata que o empeoramento do tempo paralizou os traballos. Antes de que se activase o aviso laranxa por temporal os operarios da compañía holandesa Smit fixeron os traballos previos para o proceso de extracción das 60 toneladas de gasóleo e 45 de fuel que almacena o buque quimiqueiro.

O concello de Ares emitiu un bando avisando de que se cortaban todos os accesos ao lugar en coche. Non se descarta que haxa que facer algunha obra sobre o firme sen asfaltar para facilitar o tránsito dos camións cisterna que deben cargar o combustible. Os curiosos seguen chegando a pé a ver o buque embarrancado e comentar o acccidente.

O reinicio dos traballos para retirar o combustible do Blue Star dependerán do tempo e para este mércores tampouco pinta mellor a cousa. Durante as horas de luz seguirá activo o aviso amarelo na zona con ondas de ata 5 metros.