CRTVG

Buscar

Suspéndese a busca de Emilio Pintor no leito do río Miño

Publicado o 08/03/2019 13:15

O home, veciño da Coruña e de 43 anos de idade, leva desaparecido dende hai quince días e todo apuntaba a que caera co seu vehículo nesta zona do Saviñao na cola do encoro dos Peares. Con todo, a busca que efectuaron efectivos do Grupo de Operacións Especiais da Policía Nacional e membros de Salvamento Marítimo non deu resultado ningún. Aínda que se utilizou un xeorradar e un robot submarino, non se atopou ningún resto do vehículo nos 12 quilómetros de río que foron inspeccionados.

As forzas de seguridade comunicaron á familia que, polo de agora, non se vai seguir buscando no fondo do Miño. A muller do desaparecido confirmou á Televisión de Galicia que a busca fluvial podería retomarse con algún tipo de nova tecnoloxía, pero dende a Policía non lle informaron nin de cales serían eses novos medios nin cando se utilizarían.

Agora o seguinte paso será solicitar unha orde xudicial para que se poida facer un varrido das chamadas que Emilio Pintor efectuou na noite da súa desaparición co seu teléfono móbil por se puideran achegar algunha pista do seu paradoiro.

Os familiares do home desaparecido van seguir cos labores de busca e solicitan a colaboración cidadá. Queren atopar algún indicio sobre os movementos que fixo o home nas horas previas á súa desaparición.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/03/2019