CRTVG

Buscar

Suspenden o xuízo contra os oito acusados de obrigar a prostituirse unha muller na Coruña

Publicado o 01/07/2019 13:43

Na Audiencia Provincial da Coruña ía xulgarse un home de nacionalidade romanesa por maltratar fisicamente e obrigar a prostituírse a muller coa que daquela mantiña unha relación sentimental. Amais, a fiscalía acúsao de retela contra a súa vontade durante varios días nas localidades de Betanzos e Sigüeiro coa axuda doutras sete persoas da mesma orixe tamén investigadas. Porén ante a incomparecencia de tres dos procesados, a vista oral suspendeuse ata outubro.

Malos tratos habituais, extorsión continuada e indución á prostitución, detención ilegal e lesións no ámbito familiar. Estes son os delitos polos que a fiscalía solicita para o principal acusado, dos oito que deberán sentar no banco, un total de 18 anos e 9 meses de cadea. No seu escrito detalla que obrigaba a muller coa que mantiña unha relación sentimental a traballar en clubs de alterne e a entregarlle os cartos que gañaba. Porén o seu avogado rebaixa este pena ata os dous anos e un día.

Diego Reboredo, avogado da defensa: "Na segunda detención ilegal hai un vídeo no que se ve violencia e a defensa non o vai negar. Pero si vai negar o primeiro secuestro... Para o resto dos acusados pide 5 anos..."

Estaba previsto que esta mañá todos eles desen a súa versión dos feitos, pero finalmente o xuízo tivo que suspenderse porque o principal acusado non foi trasladado desde o cárcere de Teixeiro á Audiencia Provincial, e outros dous procesados estaban en situación de rebeldía.

Diego Reboredo, avogado da defensa: "Suspéndese por unha circunstancia de economía procesal..."

Finalmente o xuízo quedou sinalado para os días 21, 22 e 23 de outubro.

Noticias web

01/07/2019