CRTVG

Buscar

Suspenden o xuízo contra á banda acusada de intentar roubar droga a unos narcos

Publicado o 02/12/2019 13:44

O xuízo previsto para esta semana na sección quinta da Audiencia Provincial en Vigo contra Marino Giménez, irmán do coñecido como rei dos xitanos e outros seis acusados, entre eles un ex-garda civil, quedou suspendido pola ausencia dun dos avogados defensores que sufriu un accidente de circulación.

Os procesados nesta causa xa foran xulgados e condenados hai dous anos. Porén o Tribunal Supremo ordenou a repetición da vista por considerar que se vulnerara o principio de imparcialidade. Os feitos, que se xulgarán agora a partir do vindeiro dous de marzo, remóntanse ao ano 2014 cando, segundo o relato da Fiscalía, os acusados idearon un plan para roubar cocaína a un grupo de narcotraficantes arousáns. A súa intención era simular un control policial en que poder subtraerlles a droga coa axuda dun dos procesados, daquela garda civil. Porén o plan frustrouse porque a Policía Nacional os investigaba e interceptounos nas inmediacións dunha gasolineira de Mos.

A Fiscalía considera a Marino Giménez líder do grupo e solicita para os acusados penas que oscilan entre os doce e os catro anos de prisión por delitos contra a saúde pública, integración en banda criminal e tenza ilícita de armas. Na casa de Marino Giménez incautáronse de diversas cantidades de drogas e varias armas.     

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/12/2019