CRTVG

Buscar

Suspenden o caso Meirás ata dilucidar se os mobles son parte do predio

Publicado o 20/05/2021 16:23

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu as actuacións relativas ao pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do edificio e das leiras incluídas no recinto que a familia Franco debe devolverlle ao Estado.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial decreta que o pazo é propiedade do Estado, pero "non se condena os demandados a entregar os mobles existentes nas distintas dependencias ao Estado".

Tal e como determinara a Audiencia Provincial, corresponde ás administracións públicas "promover o correspondente incidente de execución para discutir e resolver sobre cal é a extensión da sentenza que se executa".

Incidentes presentados

A Administración Xeral do Estado presentou un incidente de execución, no que demanda a "necesaria conservación do inventario" aprobado polo xulgado, e unha segunda cuestión incidental na que solicita a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas" do pazo tendo en conta o artigo 334 do Código Civil, no que se definen os bens inmobles.

Ademais, o Concello de Sada, onde se sitúa o pazo, reclama que se inclúa, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do pazo de Meirás.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña tramitará as tres cuestiones de xeito conxunto para resolvelas a un tempo.

Contra a providencia ditada este xoves cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días.

Noticias web

20/05/2021