CRTVG

Buscar

Suspenden as verbenas e a apertura de pubs e discotecas na Mariña

Publicado o 30/06/2020 19:15

• O brote deixa xa 33 positivos, cunha persoa ingresada no hospital de Burela

• Dous novos brotes en Castelló e en Málaga súmanse aos 50 activos en España

 

O brote de COVID-19 rexistrado na zona da Mariña incrementa o seu número de afectados, con 33 positivos fronte aos 28 que se rexistraban este luns, o que levou as autoridades sanitarias a suspender polo momento a celebración de verbenas e festas populares, así como a apertura de locais de lecer nocturno e discotecas, que debían reiniciar a súa actividade este 1 de xullo.

Así o anunciaron os responsables sanitarios da Mariña, Begoña Seco, e da área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña, Ramón Ares, que ofreceron unha conferencia de prensa no Hospital de Burela para dar conta da última hora deste brote, un dos que preocupan a nivel nacional.

O primeiro caso detectouse o pasado martes, 23 de xuño no concello de Xove. Con esta confirmación inicial comezou o traballo de rastrexo e análise dos contactos das persoas que se foron vendo afectadas. Ata o momento rastrexáronse máis de 400 persoas relacionadas con este brote que, pasados os primeiros días, vinculouse con outros casos no norte da provincia.

Dos casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve e, lembra a Consellería de Sanidade, "teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días". Unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital da Costa, mentres que o resto están en seguimento domiciliario e os negativos deben permanecer tamén illados á espera da súa evolución.

Brote da Barbanza

Pola súa banda, o foco de COVID-19 detectado na comarca coruñesa da Barbanza mantense sen cambios desde este luns cando descenderon a sete os casos activos, ningún dos cales necesitou hospitalización. O Servizo Galego de Saúde (Sergas) investigou máis dun centenar de persoas relacionadas con este foco.

As persoas con PCR positiva atópanse en illamento e seguimento domiciliario, mentres que as outras investigadas permanecen en corentena 14 días. Os nove casos deste brote detectáronse nas localidades coruñesas de Ribeira e A Pobra do Caramiñal.

Por parte do Sergas apuntouse que a posible orixe destes contaxios "pode ser un caso importado desde O Brasil, que actuou como vector de contaxio sobre un familiar que deu o primeiro positivo".

Noticias web

30/06/2020