CRTVG

Buscar

Suspenden as actividades non esenciais no Carballiño, O Irixo e Boborás

Publicado o 21/10/2020 13:52

Hoxe é o último día de terrazas no Carballiño: "Pois paréceme ben, se con iso se pode axudar un pouquiño", di unha usuaria.

A partir da medianoite, a hostalería pecha a porta. Só poderán atender a domicilio ou para levar. A José Luis esta medida cólleo ao mes de abrir.

José Luis Acuña ten unha cafetería: "Empecei normal, dentro, fóra, na barra... Á semana seguinte só dentro, sen barra. A seguinte semana só fóra e agora pechado... Complicado".

Teñen que pechar todos os espazos relacionados con espectáculos públicos e actividades recreativas. Desde parques infantís a salóns recreativos, pasando por ximnasios, piscinas e bibliotecas. O comercio grosista segue aberto, pero co impacto derivado das restricións de mobilidade.

Julián Garriga, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño: "E, por suposto, a xente que está confinada, porque o confinamento de 170 persoas afecta dúas ou tres mil persoas que quedan nas casas, e o principal prexudicado é o comercio, pero, ben, hai que resignarse, non queda outra".

Tras seis días de confinamento perimetral, as cifras de contaxios seguen aquí sen mellorar. Unha situación que o comité clínico asocia a un incumprimento das medidas.

Francisco Valeiras, xefe da Policía Local do Carballiño: "De feito, esta fin de semana, dos poucos bares que quedan abertos no Carballiño, puxemos 16 denuncias nas terrazas".

Hoxe, na vila do Carballiño hai 8 casos activos menos ca onte, pero a tendencia nas últimas semanas foi crecente, con 236 casos acumulados na comarca en 14 días.

Noticias web

21/10/2020